31.8.09

O escuro pasado da Galiña Azul

É ben sabido que case todas as celebridades teñen un pasado que agochar. A actriz Cameron Díaz ou o político Arnold Schwarzenneger non foron quen de ocultar moito tempo os seus inicios no audiovisual lixeiriño-de-roupa, nin o recentemente fenecido cantante (e QEPD) Michael Jackson tampouco puido borrar os seus inicios na etnia afroamericana.

Sorprendentemente, vimos de descubrir que a nosa galiña azul tamén conta cun humillante pasado. Malia a súa imaxe remozada e os tempos de bonanza, hoxe educando bebés galegos dun xeito despolitizado (ao contrario que o anterior goberno da Xunta, que instruía e adoutrinaba bebés), os inicios da nosa galiñácea favorita son, por así dicilo, pouco escrupulosos.

Para mostra, un botón (o de abaixo á esquerda):



En efecto, cal Xuxa da vida, esta nosa educadora prumácea resultaba dedicarse (aló no Brasil, durante os 80) a executar coreografías estúpidas en directo co gallo de promocionar unha coñecida marca de pastas.

Non nos constan os detalles exactos de cando Feijóo e o seu equipo de tunos repetidores deu localizada a galiña azul para convencela de pasar de ser imaxe dunhas pastas alimenticias á dunhas garderías separatistas, pero especúlase con que o animal se ocultou estes 30 anos do voraz escarnio público nas favelas, dedicados os seus días á aspiración de colantes sintéticos, e o propio Feijóo teríaa localizada durante unha visita recente á galeguía daquel país. O resto da historia é ben coñecida por todos.

Pouco facía sospeitar na entrada do seu blog dedicada a esa viaxe que entre a súa equipaxe Feijóo ocultaba unha galiña azul de dous metros. Eshpeluchinanche, pá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario