1.9.09

E a gañadora é...

Chocas? 
Sobra dicilo, e máis vendo que xa a 26 de agosto o didus ineptus impúñase folgadamente a todas as súas contrincantes, mesmo en conxunto.

Desde ese día as diferenzas non fixeron máis ca aumentar, ficando finalmente así a clasificación:
  1. Dodo: 70 votos (64%)
  2. Pingüín: 19 votos (17%)
  3. Avestruz: 13 votos (12%)
  4. Galiña: 6 votos (5%)
Polo dito, o Dodo proclámase vencedor indiscutible do noso concurso-xogo, no que lle preguntamos a todas as nosas visitas que ave non voadora lle parecía máis galega, e que rematou coa participación de 108 internautas.

Para escarnio do equipo de tunos repetidores de Feijóo, ao 95% dos votantes a galiña non lle parece máis galega ca un avestruz, un pingüín nin ca un bicho das Illas Mauricio xa desaparecido, dato que debería preocupar en San Caetano, pois a pesar do inconmesurable esforzo propagandístico xunteiro a galiña non acaba de caerlle ben á galeguía, por moito que a pinten de azul presidiario.

Pois vaia a nosa máis sinceira noraboa para a torpe ave, pois non recibía tan boa nova desde os Séculos Escuros, data da súa extinción. E para ela tamén, o seu agardado premio: O seu propio e auténtico logo azul despolitizador.

Con todas e todos vós:

(Click para ampliar)

31.8.09

CdA | J . M. Ponte: Gallina azul y ballena alegre

Chocas? 
Desde as tribunas do chamado diario decano da prensa galega, José Manuel Ponte dedica unha páxina do seu "Inventario de perplejidades" á galiña azul, e nós á súa vez queremos dedicar a terceira entrega dos Cocorocós de Autor a este xornalista.

Pois Ponte lembra neste caso "a balea alegre", un dos simbolos
light do falanxismo que serviu para bautizar as tertulias culturais que desenvolvían os pregolpistas (entre eles Primo de Rivera) durante a II República, e xa durante o réxime tamén a unha revista literaria e a un programa infantil na falanxista Radio Juventud (tamén coñecida como la cadena azul, ironicamente). Xa nos tempos modernos, este inocente cetáceo feliz da tamén nome a un blog de tendencias marcadamente despolitizadoras.

Para Ponte as reminiscencias de tempos pasados non rematan nestes paralelismos máis ou menos evidentes. En canto á intencionalidade subliminal antifranquista orixinal do relato de Casares:


(...) le han dado la vuelta al cuento de Casares y lo han convertido en un símbolo de la lucha por la libertad contra la imposición ideológica y lingüística supuestamente desatada por los nacionalistas del BNG, a su paso por el Gobierno.

Mais non se quedarían aí as non tan enganosas apariencias de todo o tinglado que montaron os líderes do PPdG para disfrazar a imperiosa necesidade de intoxicar o que posibelmente foi o proxecto estrela do nacionalismo na Xunta, aquel que coas súas 82 garderías infantís inauguradas en tres anos, xunto con outras 40 previstas para o 2009 (reducidas agora a 12 por Feijóo) deixaban á altura do xurro de galiña a ducia que nos legou Fraga despois de 16 anos de mandato ininterrompido no seu feudo galaico. A conselleira de Traballo tamén se loce con declaracións que lle provocan a Ponte outro déjà vu:
El lenguaje de la señora Mato me recuerda aquella definición de José Antonio Primo de Rivera sobre el hombre español como "portador de valores eternos".

(...) declaró que "no le temblaría el pulso" para firmar expedientes de regulación de empleo. La expresión "no me temblará el pulso" la hizo famosa el general Franco durante su largo mandato.
Pois si; novos tempos, vellos métodos. Perdoaremos a aparente ausencia de retornos no teclado deste xornalista para aconsellar a lectura de deste artigo publicado no Faro de Vigo o pasado día 20 de agosto. A posterior dor de vista vale a pena.

O escuro pasado da Galiña Azul

Chocas? 
É ben sabido que case todas as celebridades teñen un pasado que agochar. A actriz Cameron Díaz ou o político Arnold Schwarzenneger non foron quen de ocultar moito tempo os seus inicios no audiovisual lixeiriño-de-roupa, nin o recentemente fenecido cantante (e QEPD) Michael Jackson tampouco puido borrar os seus inicios na etnia afroamericana.

Sorprendentemente, vimos de descubrir que a nosa galiña azul tamén conta cun humillante pasado. Malia a súa imaxe remozada e os tempos de bonanza, hoxe educando bebés galegos dun xeito despolitizado (ao contrario que o anterior goberno da Xunta, que instruía e adoutrinaba bebés), os inicios da nosa galiñácea favorita son, por así dicilo, pouco escrupulosos.

Para mostra, un botón (o de abaixo á esquerda):



En efecto, cal Xuxa da vida, esta nosa educadora prumácea resultaba dedicarse (aló no Brasil, durante os 80) a executar coreografías estúpidas en directo co gallo de promocionar unha coñecida marca de pastas.

Non nos constan os detalles exactos de cando Feijóo e o seu equipo de tunos repetidores deu localizada a galiña azul para convencela de pasar de ser imaxe dunhas pastas alimenticias á dunhas garderías separatistas, pero especúlase con que o animal se ocultou estes 30 anos do voraz escarnio público nas favelas, dedicados os seus días á aspiración de colantes sintéticos, e o propio Feijóo teríaa localizada durante unha visita recente á galeguía daquel país. O resto da historia é ben coñecida por todos.

Pouco facía sospeitar na entrada do seu blog dedicada a esa viaxe que entre a súa equipaxe Feijóo ocultaba unha galiña azul de dous metros. Eshpeluchinanche, pá.

28.8.09

Só puidemos escoller unha, pero tíñamos máis (IV)

Chocas? 
Tardaron, mais os sempre singulares redactores de SOQNF tampouco renegan do seu orgullo galiñáceo. A peza, da man mordaz de Ano Rosso Quintana.

26.8.09

A falta de 5 días para rematar o concurso, o "didus ineptus" avasala as súas contrincantes

Chocas? 
Unha cousa parecida a un paxaro que se extinguiu máis ou menos polos Séculos Escuros está a varrer de momento ás súas rivais no xogo-concurso que vos propuxo este blog hai xustamente 8 días, e que vos lembramos consiste en responder na enquisa que figura á dereita desta páxina: Cal das seguintes catro aves non voadoras vos parece máis galega? Será o pingüín (familia spheniscidae)? Será o avestruz (struthio camelus)? Preferides a galiña (gallus gallus domesticus)? Ou tal vez é o dodo (raphus cucullatus ou didus ineptus)?

Polo momento, os visitantes non parecen ter dúbidas: o Dodo rachou todos os prognósticos esmagando co 62% dos votos ás súas rivais non voadoras, que se teñen que conformar no caso do pingüín ou do avestruz cuns discretos 18 e 14% respectivamente, reducíndose a un dramático 4% no caso da galiña.

A día de hoxe xa votaron 87 visitantes, pero aínda quedan 5 días (ata o 31 de agosto, inclusive) para participar.

O premio do concurso-xogo non será neste caso para ningún visitante (que xa tedes de todo, lambóns), senón o deseño do seu propio logo azul despolitizador para a ave gañadora, que as pobres xa teñen a desgraza de ser as únicas do seu xénero que non levantan un palmo do chan por moito que batan ás, para máis andaren metidas en política.

A clara vencedora provisional, segundo o reconto parcial, quixo expresarnos a súa gratitude coas seguintes palabras dirixidas desde o ceo dos semi-paxaros a todos os seus votantes:

Estimadas humanas e estimados humanos:
Grazas polo voso apoio electoral. Os vosos votos énchenme de orgullo e satisfacción, se chego a obter o meu desexado
logo azul despolitizador prométovos que lle darei bo uso (centros médicos, oficinas de colocación, institutos... aínda non o teño moi claro).
Esta humilde ave extinta non pode máis que emocionarse pola vosa confianza na miña galeguidade, no meu amor por esa vosa terra que na vida tiven oportunidade de tripar (pois o meu non eran os voos, como xa imaxinaredes) pero da que escoitei falar bastante a unha anduriña que paraba moito pola miña illa aló no
mil setecentos e pico, e que me contaba que sempre que podía paraba a botarlle uns grolos na vosa terriña que lle collía de camiño ao Ártico, na época na que o calor na África empezaba a roncarlle o carallo.
Grazas tamén ao pingüín, ao avestruz e á galiña por tomar con tanta deportividade a miña maioría absoluta provisional, xa podían aprender eses do Bloque e do Psoe!

P.D.: Espero non ter ofendido a ninguén con isto último, é que estou tan politizada que me perde a lingua... precisamente foi por iso que decidín entrar no concurso a polo meu propio logo azul despolitizador!

24.8.09

Fluctuación da oferta e demanda de imaxes corporativas en Galicia e Admin. Aut.

Chocas? 
Ben sabido é que o mercado ten unha dinámica propia, pero as variacións dos prezos no sector da publicidade e o deseño gráfico tenden a espantar. Os datos fornecidos polo PPdeG en diferentes épocas a este respecto son contundentes. Vexamos varios exemplos documentados:
15/03/2007 | O PPdeG (...) dirixiuse a Quintana e afirmou que "pode aforrar o millón de euros do concurso a través dunha fórmula: mandilóns a raias azuis e cunha estrela vermella de cinco puntas".

A partir do 01/03/2009 | (...) La casa con ojos y boca y la bandera gallega (...) le supuso al Gobierno gallego un total de (...) 300.000 (€).

22/08/2009 | Exactamente, la implementación de «A galiña azul» (...) le supuso al Gobierno gallego un total de «22.000 euros (...)»
Como se pode observar, exactamente o mesmo traballo (a imaxe corporativa das Galescolas Galiñas Azuis) custou nestes tres momentos 1.000.000, 300.000 e 22.000€, respectivamente.

Estes datos parecen certamente dramáticos para todos os empresarios de Artes Gráficas, pois demostra que a competencia para optar a contratos coa administración autonómica os está levando a un abaratamento dos seus servizos tal que apenas xustifican a permanencia da actividade.

Agora ben, o dato realmente aterrador desta crise chega ao tirar extrapolacións destes datos, que podedes ver reflexados na gráfica que vos facilitamos a continuación:
Efectivamente, amigos. De manterse esta progresión dos prezos, en poucos días o custo dunha imaxe corporativa (incluíndo realización de carteles, mochis, mandilóns e bolsas da merenda para miles de usuarios) será exactamente de cero euros.

Pero a vaticinada catástrofe do sector non se limitará a ter que traballar gratis dentro duns días. Poñendo como horizonte das previsións os meses vindeiros, sempre segundo a evolución dos prezos facilitada polo PP, serán as axencias de publicidade a que teñan que aboar cuantiosas sumas para optar aos concursos de deseño da Xunta de Galicia. De feito, se para mudar a imaxe corporativa das Galescolas Galiñas Azuis o noso goberno tivera agardado ao mes de outubro, a axencia de publicidade gañadora do concurso tería que pagarlle á administración autonómica arredor de 200.000 euros. E en adiante, estas cantidades aínda aumentarían exponencialmente.

Salvar a Galiña Azul!

Chocas? 
Non permitas que esta grande peza pase desapercibida!
Vota aquí ou aquí (sobre todo aquí).

Mic mic!

Chocas? 
Este goberno, desde logo, está que non para. E os froitos da súa xestión correcamíñica xa son máis que evidentes: só unha semana despois de presentar a innovadora iniciativa "A Galiña Azul", consistente na creación dunha rede de escolas públicas de titularidade autonómica, miles de nenas e nenos galegos 0-3 xa poderán estrealas. Si amigos, lestes ben, estrealas. Ou cando menos iso é o que se deriva da lectura dunha nota de prensa de Sanidade sobre as vacinacións que tivo repercusión en varios medios. Citamos literalmente a noticia tal e como a recolleu a Voz:
Y es que la consellería reitera que no se modificará el inicio del curso escolar a causa del virus de la gripe A. Así, los más pequeños de la casa estrenarán A Galiña Azul el primero de septiembre.
Se é que o de antes non podían chamarse nin garderías, aquilo eran aquelarres!

Produtos azuis (I): Elimina as manchas de galego... con suavidade!

Chocas? 
Para todos os teus lavados 0-3, opta polo frescor da Galiña Azul! Visto no blog Falantes.

21.8.09

The Blue Birds presentan en exclusiva o hit do verán, 'La Galinha Azul'

Chocas? 
Nin o Apologhit, nin Marta Sánchez. O que indubidablemente se vai converter no éxito galego deste verán, "La Galinha Azul", chega de man do conxunto de pop-cock The Blue Birds, e promete revolucionar as escoitas de música con todos os nenos 0-3 coa súa mensaxe despolitizadora.

O grupo presenta asi o primeiro sinxelo desta súa andaina en exclusiva para o noso blog, que podedes escoitar no reprodutor da dereita ou ben en Imeem.com.

Pero non se resignan a pasar á historia da música coma un One-Hit Wonder, polo que anunciaron estar xa traballando en novas composicións que con seguridade teremos a oportunidade de disfrutar nas vindeiras semanas. Non perdan detalle, pois poderiamos atoparnos nos comezos dunha lenda.

Este blog ten o orgullo de dicir: TODOS SOMOS BLUE BIRDS!

En 3 anos, nin unha soa queixa de nais ou pais de alumnos das Galescolas sobre os contidos

Chocas? 
A CONFAPA, en boca do seu presidente Virxilio Gantes, difundiu onte que “nunca tivemos ningún tipo de reclamación dos pais sobre as galescolas en canto aos seus contidos”, o que podería poñer nun serio apreto aos departamentos de Educación e Traballo da Xunta, pois os máximos responsables destas áreas aseguran por activa e por pasiva que “cambiarían por completo os seus contidos”, na búsqueda de “desideoloxizar e desadoutrinar a educación infantil, tal e como se viña facendo co bipartito”.

Adoutrinamento que, a día de hoxe, o PP de Galicia aínda non foi quen de exemplificar nin unha soa vez, estando na oposición ou no goberno, malia intentar en varias ocasións lixar a imaxe destas garderías infantís e dos seus profesionais con supostas "obrigas a entoar o himno galego", "mandilóns identitarios", "imposicións lingüísticas", "oposicións tuneadas para os amigos do BNG"... falacias todas desmontadas durante anos polos profesionais (como mellor puideron entre as acusacións de lealismo ou corporativismo) e agora tamén polos usuarios dun xeito demoledor.

Mais... tarde piache, galiña. A falta de verdades, o PP xa levaba meses -anos- alimentando cada falacia desa inmensa cadea de mentiras co único argumento irrefutable que lles quedaba: o apoio incondicional da media neoliberal, a mesma que alimentou a estratexia de resposta ás vodas entre persoas do mesmo sexo, as manifestacións compulsivas contra non-se-sabe-que inimigos da unidade de España, ou do divorcio, no seu momento. Esa estratexia da que incluso o seu máximo valedor e impulsor durante anos, Mariano Rajoy, soubo culpar da derrota electoral asi como de boa parte dos cristos internos da súa formación. Esa estratexia da que o candidatable do PP soubo desmarcarse a tempo para recibir agora xunto co seu café matutino as gráficas que o colocan por enriba de Zapatero en intención de voto, e isto ao mesmo tempo que anuncia diálogo con formacións ata hoxe crucifixionadas polos neoliberales, entre elas o propio BNG. Impensable hai uns meses, non é?

Pois a anterior estratexia autosuicida, hoxe denostada pola maioría dos estadistas nos seus cabais, é sobre a que ten construida o señor Feijóo (e o seu equipo de tunos repetidores) a súa realidade paralela, o seu mundo de fantasía dominado pola imposición do idioma (galego), polo adoutrinamento de bebés, polas follas de ruta deseñadas por asociacións espectrais imitadoras de pacotilla do mito Bindelberg, e por sereas cantadoras que saben aproveitar o estado de enaxenación do grande mandador da Galícea para meter a man no peto de todos os súbditos.

CdA | Ramón Reboiras: La gallina turuleca

Chocas? 
Hoxe, na nosa sección "Cocorocós de Autor", tócalle o turno a Ramón Reboiras (o escritor, non o outro Q.E.P.D.), que destripa recorrendo á "gallina turuleca" o verdadeiro transfondo ideolóxico da desideoloxización das Garderías Anteriormente Coñecidas Como Galescolas: Frear os avanzos -aínda tímidos- do bipartito en todo aquelo que nos fixo vislumbrar sequera a posibilidade de superar a autoxenreira que arrastramos desde o tardofranquismo, e no que as Galescolas constitúen tan só un dos chanzos (aínda recén fundidos en formigón) a dinamitar por este novo rexime maioriabsolutista, un caso certamente paradigmático, pero un caso máis ao fin e ao cabo. Citando ao señor Reboiras:
El nacionalismo sirve otra vez más de chivo expiatorio de todos los males: la lengua, el viento, el mar, el fuego, la intolerancia y todo lo que se mueve... Una injusticia retórica.
A lectura estimula unha reflexión, cecáis atrevida pero inevitable: Aproxímanse os tempos onde a prioridade do goberno entrante consista en reverter no posible a acción do goberno saínte?

En serio os intereses de Génova 13 na moqueta xustifica o retraso deliberado dun País, señor Feijóo?


[Postdata] A xeito de anécdota, este artigo chega da man dun emigrado a Madrid aos 18 anos "sin soñar que algún día se alfabetizara en galego". Hoxe escribe un artigo semanal en galego para El País. Os camiños da imposición son inescrutables.

Só puidemos escoller unha, pero tíñamos máis (III)

Chocas? 
Outra achega do amigo Artellando da Montaña.

20.8.09

Un neno de primaria podería ser o verdadeiro autor da Galiña Azul

Chocas? 
Nesta nosa primeira inmersión no xornalismo serio de investigación, os resultados non poderían ter sido máis contundentes. Grazas aos máis avanzados métodos de cálculo informático e á nosa audacia, puidemos descubrir a terrible verdade que non se dixo nin dirá nunca nunha rolda de prensa. Agárrense aos plumóns, amigas e amigos galiñáceos, porque o descubrimento que vimos de facer deixaravos sen cacareo.

PROCEDEMENTO DA INVESTIGACIÓN SERIA
  1. Abrimos o noso navegador favorito.
  2. Entramos no sofisticado software nome-en-clave P.A.S.A.P.A.C.A.S.A., (Programa Adaptado para Sistemas Avanzados de Procura de Arquivos Codificados Automaticamente e Sen Aramios), subnome "Imaxes".
  3. Introducimos a cadea "Galiña azul".
  4. Flipamos co 12º resultado, aloxado nesta páxina.

Notades algo raro? Fixádevos ben, aínda non? En serio non vos soa de algo?

En efecto amigos, PLAXIO. Unha nena ou un neno do CEIP Vistahermosa de Ourense é sen lugar a dúbidas o creador orixinal da galiña azul que asasinou á casiña sorrinte, e malia que a Xunta si admitiu que se inspira nun conto de Carlos Casares , o pequecho non ve recoñecido en ningures a súa participación intelectual na obra.

Posto en contacto este medio dixital co autor plaxiado, este declinou valorar o ocultamento da súa participación no proxecto, a polémica social xerada pola súa obra, nin se estuda interpoñer posibles demandas contra a Xunta en concepto de Royalties deixados de percibir. Pola contra, o artista plástico si quixo dar a súa versión dos feitos para non deixar lugar a dúbidas, ao asegurar rotundamente que: "Galo... meu... mata... casa!".

Seguide atentos ao voso galiñeiro.

CdA | Barreiro Rivas: Agora, a pola Real Academia Galega!

Chocas? 
Desde a súa Torre Vixía no alto deste cortello galiñáceo galiciano, o ex-vicepresidente da Xunta polo PP Xosé Luís Barreiro Rivas propón en "Las gallinas azules y los delfines colorados" unha revolucionaria volta de parafuso á política de despolitización e desideoloxización dos Gallitos del corral do PP galego, suxerindo agora extender esta labor imprescindible recén iniciada á imaxe de institucións coma o Consello da Cultura Galega ou á Real Academia Galega.

Tomámonos a liberdade de citar a conclusión do seu artigo (cuxa lectura rogamos encarecidamente):

Y por eso espero ser relevado en mi protesta contra las galiñas azuis por los delfines rojos. ¿Y qué son los delfines rojos? Son el Consello da Cultura Galega, la Real Academia y otras instituciones similares, a las que denomino así -delfines colorados- para despolitizarlas.
Plas plas plas plas!