21.8.09

En 3 anos, nin unha soa queixa de nais ou pais de alumnos das Galescolas sobre os contidos

A CONFAPA, en boca do seu presidente Virxilio Gantes, difundiu onte que “nunca tivemos ningún tipo de reclamación dos pais sobre as galescolas en canto aos seus contidos”, o que podería poñer nun serio apreto aos departamentos de Educación e Traballo da Xunta, pois os máximos responsables destas áreas aseguran por activa e por pasiva que “cambiarían por completo os seus contidos”, na búsqueda de “desideoloxizar e desadoutrinar a educación infantil, tal e como se viña facendo co bipartito”.

Adoutrinamento que, a día de hoxe, o PP de Galicia aínda non foi quen de exemplificar nin unha soa vez, estando na oposición ou no goberno, malia intentar en varias ocasións lixar a imaxe destas garderías infantís e dos seus profesionais con supostas "obrigas a entoar o himno galego", "mandilóns identitarios", "imposicións lingüísticas", "oposicións tuneadas para os amigos do BNG"... falacias todas desmontadas durante anos polos profesionais (como mellor puideron entre as acusacións de lealismo ou corporativismo) e agora tamén polos usuarios dun xeito demoledor.

Mais... tarde piache, galiña. A falta de verdades, o PP xa levaba meses -anos- alimentando cada falacia desa inmensa cadea de mentiras co único argumento irrefutable que lles quedaba: o apoio incondicional da media neoliberal, a mesma que alimentou a estratexia de resposta ás vodas entre persoas do mesmo sexo, as manifestacións compulsivas contra non-se-sabe-que inimigos da unidade de España, ou do divorcio, no seu momento. Esa estratexia da que incluso o seu máximo valedor e impulsor durante anos, Mariano Rajoy, soubo culpar da derrota electoral asi como de boa parte dos cristos internos da súa formación. Esa estratexia da que o candidatable do PP soubo desmarcarse a tempo para recibir agora xunto co seu café matutino as gráficas que o colocan por enriba de Zapatero en intención de voto, e isto ao mesmo tempo que anuncia diálogo con formacións ata hoxe crucifixionadas polos neoliberales, entre elas o propio BNG. Impensable hai uns meses, non é?

Pois a anterior estratexia autosuicida, hoxe denostada pola maioría dos estadistas nos seus cabais, é sobre a que ten construida o señor Feijóo (e o seu equipo de tunos repetidores) a súa realidade paralela, o seu mundo de fantasía dominado pola imposición do idioma (galego), polo adoutrinamento de bebés, polas follas de ruta deseñadas por asociacións espectrais imitadoras de pacotilla do mito Bindelberg, e por sereas cantadoras que saben aproveitar o estado de enaxenación do grande mandador da Galícea para meter a man no peto de todos os súbditos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario