26.8.09

A falta de 5 días para rematar o concurso, o "didus ineptus" avasala as súas contrincantes

Unha cousa parecida a un paxaro que se extinguiu máis ou menos polos Séculos Escuros está a varrer de momento ás súas rivais no xogo-concurso que vos propuxo este blog hai xustamente 8 días, e que vos lembramos consiste en responder na enquisa que figura á dereita desta páxina: Cal das seguintes catro aves non voadoras vos parece máis galega? Será o pingüín (familia spheniscidae)? Será o avestruz (struthio camelus)? Preferides a galiña (gallus gallus domesticus)? Ou tal vez é o dodo (raphus cucullatus ou didus ineptus)?

Polo momento, os visitantes non parecen ter dúbidas: o Dodo rachou todos os prognósticos esmagando co 62% dos votos ás súas rivais non voadoras, que se teñen que conformar no caso do pingüín ou do avestruz cuns discretos 18 e 14% respectivamente, reducíndose a un dramático 4% no caso da galiña.

A día de hoxe xa votaron 87 visitantes, pero aínda quedan 5 días (ata o 31 de agosto, inclusive) para participar.

O premio do concurso-xogo non será neste caso para ningún visitante (que xa tedes de todo, lambóns), senón o deseño do seu propio logo azul despolitizador para a ave gañadora, que as pobres xa teñen a desgraza de ser as únicas do seu xénero que non levantan un palmo do chan por moito que batan ás, para máis andaren metidas en política.

A clara vencedora provisional, segundo o reconto parcial, quixo expresarnos a súa gratitude coas seguintes palabras dirixidas desde o ceo dos semi-paxaros a todos os seus votantes:

Estimadas humanas e estimados humanos:
Grazas polo voso apoio electoral. Os vosos votos énchenme de orgullo e satisfacción, se chego a obter o meu desexado
logo azul despolitizador prométovos que lle darei bo uso (centros médicos, oficinas de colocación, institutos... aínda non o teño moi claro).
Esta humilde ave extinta non pode máis que emocionarse pola vosa confianza na miña galeguidade, no meu amor por esa vosa terra que na vida tiven oportunidade de tripar (pois o meu non eran os voos, como xa imaxinaredes) pero da que escoitei falar bastante a unha anduriña que paraba moito pola miña illa aló no
mil setecentos e pico, e que me contaba que sempre que podía paraba a botarlle uns grolos na vosa terriña que lle collía de camiño ao Ártico, na época na que o calor na África empezaba a roncarlle o carallo.
Grazas tamén ao pingüín, ao avestruz e á galiña por tomar con tanta deportividade a miña maioría absoluta provisional, xa podían aprender eses do Bloque e do Psoe!

P.D.: Espero non ter ofendido a ninguén con isto último, é que estou tan politizada que me perde a lingua... precisamente foi por iso que decidín entrar no concurso a polo meu propio logo azul despolitizador!

No hay comentarios:

Publicar un comentario