20.8.09

Un neno de primaria podería ser o verdadeiro autor da Galiña Azul

Nesta nosa primeira inmersión no xornalismo serio de investigación, os resultados non poderían ter sido máis contundentes. Grazas aos máis avanzados métodos de cálculo informático e á nosa audacia, puidemos descubrir a terrible verdade que non se dixo nin dirá nunca nunha rolda de prensa. Agárrense aos plumóns, amigas e amigos galiñáceos, porque o descubrimento que vimos de facer deixaravos sen cacareo.

PROCEDEMENTO DA INVESTIGACIÓN SERIA
  1. Abrimos o noso navegador favorito.
  2. Entramos no sofisticado software nome-en-clave P.A.S.A.P.A.C.A.S.A., (Programa Adaptado para Sistemas Avanzados de Procura de Arquivos Codificados Automaticamente e Sen Aramios), subnome "Imaxes".
  3. Introducimos a cadea "Galiña azul".
  4. Flipamos co 12º resultado, aloxado nesta páxina.

Notades algo raro? Fixádevos ben, aínda non? En serio non vos soa de algo?

En efecto amigos, PLAXIO. Unha nena ou un neno do CEIP Vistahermosa de Ourense é sen lugar a dúbidas o creador orixinal da galiña azul que asasinou á casiña sorrinte, e malia que a Xunta si admitiu que se inspira nun conto de Carlos Casares , o pequecho non ve recoñecido en ningures a súa participación intelectual na obra.

Posto en contacto este medio dixital co autor plaxiado, este declinou valorar o ocultamento da súa participación no proxecto, a polémica social xerada pola súa obra, nin se estuda interpoñer posibles demandas contra a Xunta en concepto de Royalties deixados de percibir. Pola contra, o artista plástico si quixo dar a súa versión dos feitos para non deixar lugar a dúbidas, ao asegurar rotundamente que: "Galo... meu... mata... casa!".

Seguide atentos ao voso galiñeiro.

3 comentarios:

  1. As escolas non son para nenos de 0 a 3 anos. As escoliñas SI. Si, amais, os nenos son galegos, o lóxico é que se chamen GALIÑAS (acrónimo de GALegos e escolIÑAS).

    Non sei a que ven tanta polémica!

    ResponderEliminar
  2. Co sinxelo que era o anterior.

    ResponderEliminar
  3. malpocadiña, a galiña...canto mellor estaba "en pluma picada" que con ese meyba de raias!

    ResponderEliminar